Visita a Guimaraes do IES. de Sabón 27-28 Abril

O xoves 27 de abril de 2017 saímos de Arteixo o grupo de Ciclo de Actividades Físicas e Deportivas e 1ºBACH, a primeira hora cara o castro de Briteiros, en Guimaraes. A primeira parada estratéxica, en Vigo. Chégase moi rápido a Portugal, e, unha vez alí, nos achegamos ao rexistro museolóxico.

 O noso guía fainos unha ruta longa e empinada polas vías que quedan aínda en pé ata chegar á citania coas diferentes casas en forma circular. Ao carón, unha igrexa modernista con tintes asiáticos, do gusto do dono do monte quen, a comezos do s. XX mandou construír na cima. O baixar, o grupo de Actividades Físicas e Deportivas decide probar máis rutas ata descubrir as termas do castro coa pedra fita.

Logo, comemos ao fresco visionando o castro dende a parte baixa. Ímonos entón cara a parte do val onde visitamos os restos dun mosteiro franciscano, onde o alcalde e o novo guía, ao que chamaremos Profesor, nos mostran con orgullo, pois puideron manter pinturas e estruturas dende o románico, sendo un lugar de tránsito e peregrinaxe, e tamén hoxe un centro social e cultural mantido polo pobo, onde se fan comidas e celebracións. Levamos as actividades que os alumnos deben ir realizando ao cabo de cada visita, repasando aquelas que xa estean feitas da clase con anterioridade. 
Portugal non deixa de fascinarnos, todo tan claro, limpo, luminoso, o ceo despexado e o sol que alimenta a calor do día. Continuamos o traxecto cara o centro da cidade de Guimaraes, e desta vez, facemos unha subida en teleférico ao monte que enmarca a cidade.

O traxtecto é curto e lento, e o Profesor explica que foi fortaleza, refuxio, labirinto, ermida, e castro. O monte, cheo de casas derruídas e outras recentes con piscinas propiedade de futbolistas de hoxe, nos levan á cima. De novo, rutas imposibles, un monte extenso e unas vistas envidiables. Poñemos unha veliña, nos encaramamos ás rochas e bebemos das fontes. Tamén é este recinto conservado polo pobo de Guimaraes e, alí, tamén as romarías son frecuentes.
Realizamos a baixada e o Profesor se despide ata o día seguinte. Nós imos cara ao Centro de Tecnolóxico, unha curtidoría rehabilitada, que nos deixa experimentar co universo, con robots, con tecnoloxía espacial e coas novas ciencias. Sorprendidos da beleza e da complexa maquinaria, saímos embriagados por tanta información.

Chegamos ao hostal. Boa comida, boa acollida e recepción. As habitacións, inmellorables. Trátase dunha gran casona que foi lugar de curtidorías dende o s. XIX ata finais do s. XX. As curtidorías se sitúan diante da entrada, con diversos regatos. Estamos na zona onde se facían estes traballos, debaixo do barrio xudeu da cidade. Isto nolo explica o Profesor á mañá seguinte, ben cedo, pois queremos ver todas as rúas e edificios da cidade.

Restaurada e rehabilitada, é un luxo para os sentidos. A pedra e a madeira combinadas cos azulexos e as balconadas, incluso arcadas na zona vella. As prazas inundan a cidade, chea de esquinas especiais como o lugar da sal onde se dispendían os salarios ou outros tipos de obradoiros e almacéns, que nos dan idea da riqueza da vila.
Zonas verdes en cada esquina, parques e arboledas, igrexas típicas cheas de imaxes de virxes, grandes casas onde naceron historiadores e literatos dos máis importantes de Portugal, imos vendo placas, bibliotecas e museos. Subindo sen darnos de conta, chegamos ao Castelo renovado dos Condes de Braganza, á Igrexa onde se bautizou Afonso Henríques e a fortaleza de Guimaraes. Souvenires ou agasallos. Probamos todo o que a cidade nos ofrece, chea de riqueza e de amabilidade.

Unha muller indica algunas direccións importantes e intenta darnos conversa para explicarnos datos recentes da vila. A chegada ao alto, co Profesor, a facemos despois de ver a igrexa do centro da cidade e de practicar uns xogos de coñecemento da cidade que estamos a visitar. Mentres, uns nenos recitan poemas famosos en lingua portuguesa, celebrando o día dos Caraveis, a Revolución que levou á democracia a Portugal.
Para rematar, o Profesor fainos varios retratos de grupo. Algún cortados, outros diagonais…rimos e el rí connosco. Dende logo que está afeito a facer fotos, pero sempre lle gusta contarnos algún chiste ou facer algunha brincadeira para alegrarnos a xornada. Despídese de nós dándonos as grazas, pero sobre todo, as grazas dámosllas nós. Volta ao hostal. Boa comida e subida ao bus.

O noso condutor, un home con gran sentido do humor, coméntanos o seu gusto e as súas andanzas pola cidade mentres non estivo connosco. Unha visión persoal e repleta de vivencias ás que, segundo nos dí, está máis afeito, pero que aprecia en gran medida.
Cara as sete da tarde do venres 28, chegamos a Arteixo tras unha pequena soneca, intervida por risas e chistes, e o comentario de canto desfrutamos e do ben que o pasamos nesta breve e profunda visita, que desexamos realizar de novo canto antes.

Até máis vernos, Guimaraes, onde nasceu Portugal!


  

 

Vota

Deja un comentario